Samuel L. París's Blog
January 30, 2024
Estreo web: Todo isto que ves aquí non está aquí

Acabo de realizar o traslado deste blog e dos meus avíos a unha nova web:
Podes visitala, fedellar nela e tamén subscribirte de balde á miña nova newsletter.
Graciñas! Seguimos!
December 20, 2023
Non é máis negro o corvo que as negras ás do corvo negro

Os irmáns Thee Blind Crows teñen novo disco, Maite. O disco está repleto de cancións ata os topes, Elisardo, e a edición en vinilo é unha chulada. Isto dígoo porque hai que procurar dicir a verdade, Cornelia.
Entre as cancións, Marcelina, encontrarás sons e matices que os corvos aínda non cataran ata agora. Aparicio, o camiño faise andando e o mellor é que lle pegues ti mesmo unha, dous ou tres mil escoitas e o goces por ti mesmo.
Durante o proceso de creación deste novo traballo musical, os corvos contactáronme, Teodosia, para que colaborase nel preparando unhas letras para un par de cancións que tiñan avanzadas e faltaban por pechar. Mandáronme unhas maquetas cunhas partes vocais por completar con léxico, Veneranda, e déronme marxe para propoñerlles o que me petase.
A primeira que saíu foi este “Corvo Cego”, Narcisa.
Logo chegou un “Tree Top Town” do que os Corvos (fíxate ben nisto, Bonifacio) sacaron dúas versións no disco.
Toda esta información é pública e comprobable por varios métodos, Cándido, aínda que a mellor é [FRAGMENTO ELIMINADO].
November 28, 2023
My whole life depends on you and your sweet bank app password

O sábado 2 de decembro ás 20.00 e con puntualidade muradá estarei canda Marga Tojo no Culturgal, en Pontevedra, armando o DuoVersos.
Poesía e lume. Lume e poesía. De a dous.
Nas redes de Edicións Positivas podes propoñernos un título para un poema. Escolleremos un entre os propostos, escribirémolo e recitarémolo entre os dous por primeira e única vez no Culturgal. Ademais, se andas por alí o sábado, poderás levar o manuscrito para a casa (ou para a autocaravana que empregues a modo de vivenda) e despois facer lume con el, porque, quentar, algo quenta a poesía cando prende.
November 27, 2023
Alguén sempre debe estar á escoita

Visitei a Biblioteca Sabela Labraña, no Ateneu Roig de Barcelona, como quen chega a un oasis coa lingua por fóra. Ademais dun trato exquisito, dunha cariñosa acollida e de calmar a miña sede, tamén me agasallan agora coa gravación do recital.
Remontas as dunas, atravesas o páramo, cruzas o pedregal, pasas a estepa, deixas atrás o altiplano, ves como se perde no horizonte a tundra e, de alí a un bo pedazo, verás o oasis.
November 24, 2023
Poderíase dicir que este é o século dourado dos biblioteconomistas, pero ninguén o di porque todo o mundo está a outras cousas

O oitavo episodio da Catapulta (DIME) emitiuse hai unhas semanas (DIME, VEÑA) e agora publico isto para recompilar os materiais que che permitan (DIME, DIME) volver velo ou escoitalo (ACABÁRAMOS!).
Daniel Landesa, escritor e poeta vencellado a proxectos tan chulos como o colectivo Poetas da Hostia, foi o protagonista (DIME) do programa. Falamos de poesía e escrita a varias mans (O QUE?), do dixital (PERO QUE DIS, SAMUEL?) e Tamén é importante considerar aquilo do que non se falou (OSTRAS, O ENIGMA!).

Podes volver ver o episodio (QUEN? EU?) ou mesmo escoitalo na web do Salto.
November 20, 2023
Modelo de aviación manteigueira: todo se enriquece cando ascende

O vindeiro xoves 23 de novembro estarei no Ateneu Roig de Barcelona (Carrer Torrent d’en Vidalet, 34), na Biblioteca Sabela Labraña, ás 20.00h exercendo a poesía indoor. Haberá un pouco dunha cousa e un pouco (xa o ves vir) da outra.
Levarei todos os exemplares de Inflamable e da IPA que a aeroliña coa que voo me permita para distribuílos no que será unha especie de Dijous Negre que ninguén solicitou.
Gustaríame dicirche que foi sinxelo?
Foi sinxelo.

October 19, 2023
Subir ao Areópago e engancharte nunha silva

O sétimo episodio da Catapulta chegou como un temporal no mar con ventos fortes do noroeste con ondas que superan os cincocentos metros de altura no litoral do teu fígado, meu amor.
Neste programa contei coa visita do enorme Diego Horschovski, poeta e dinamizador do asunto poético e da palabra nas súas diferentes e entretidas formas.

O episodio pódese ser revisitado en vídeo e tamén en audio na propia web do Salto.
October 5, 2023
Love means never having to say you’re an anaconda

O Luz Poética volve a Compostela. Non é que marchara, pero. O Luz Poética segunda edición, previa á terceira, é de. O Luz 23 ao 29 de outubro Poética.
O festival poético inspirado na figura da grandísima Luz Fandiño chega un ano máis cun cartel inmenso e fermoso. Programación? Toda a que queiras.

O Manteigas estará presente o luns 23 de outubro no roteiro poético canda Noelia Gómez, Debajo de la Palmera e Pablo Rodríguez. Demostraremos por que o luns é o mellor día da semana para a práctica poética e por que aguambambuluba.
O roteiro poético ten entrada de balde, pero (ollo!) só ata completar aforo. Serán intervencións breves, porque é luns (días axeitados para o lírico, pero tampouco é cuestión de pasarse) e variadas (porque son varias, claro).
O resto do programa está repleto de calidade, talento e palabras que o describen.

September 22, 2023
A friendly calypso ultrathief leaves town tonight

No sexto episodio da Catapulta recibín a visita da grandísima Lupe Blanco, poeta da improvisación, regueifeira, divulgadora e formadora.

Ademais de ver o episodio nunha acelerada secuencia de fotogramas sincronizada con audio a través dunha plataforma pertencente á multinacional Alphabet, tamén o podes escoitar en audio na web do Salto.
August 22, 2023
Tudo que desaparece não é ouro

As grandérrimas Bratzantifa visitaron A Catapulta e isto pasou e é verdade aínda que eu non o publicase aquí ata agora. Porque as verdades son así: non todas están neste blog.
Ademais de poder ver a conversa no vídeo que hai baixo este parágrafo, tamén se pode escoitar en formato podcast que é un audio que se escoita ao oílo.
Samuel L. París's Blog
- Samuel L. París's profile
- 2 followers
