O Soño Sulagado Quotes

Rate this book
Clear rating
O Soño Sulagado O Soño Sulagado by Celso Emilio Ferreiro
41 ratings, 4.27 average rating, 4 reviews
O Soño Sulagado Quotes Showing 1-5 of 5
“Na miña gorxa agruman as palabras
que de fontes moi fondas vanme vindo
e fanse ríos longos polas veas,
rosas de luz nos ollos ou escumas.
Pero as miñas razón non son palabras
sinon cousas que eisisten elas soias,
que coma Dios eisisten arredradas
nun silenzo de estrelas fuxidivas.
Pequenas cousas, grandes coma vermes,
pechadas no silenzo, sin palabras,
pousadas sobre sí dende o principio,
indo e vindo no tempo coma peixes,
coma peixes do vento, sin palabras.
Vós nunca entenderedes estas cousas,
estas fontes tan fondas, sin palabras,
que nas palabras xurden tatexando
coma meniños nados nun hospicio.
Oramá non sepades o segredo
destas fontes tan fondas, sin palabras,
xa que sodes somente unas palabras
indo e vindo no tempo, unas palabras,
palabras e palabras e palabras.”
Celso Emilio Ferreiro, O Soño Sulagado
“¡Qué ben, que a bomba ven co seu rebombio!
A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo,
A bomba con aramios, con formigas,
con fornos pra asar meniños loiros.
A bomba ten lombrices, bombardinos,
vermes de luz, bombillas fluorescentes,
peixes de chumbo, vómitos, anémonas,
estrelas de plutonio plutocrático,
esterco de cobalto hidroxenado,
martelos, ferraduras, matarratos.

A bomba, bong. A bomba, bon amigo.
Con átomos que estoupan en cadeia
e creban as cadeias que nos atan:

Os outos edificios.
Os outos funcionarios.
Os outos fiñanceiros.
Os outos ideais.
¡Todo será borralla radioaitiva!

As estúpidas nais que pairen fillos
polvo serán, mais polvo namorado.

Os estúpidos pais, as prostitutas,
as grandes damas da beneficencia,
magnates e mangantes, grandes cruces,
altezas, escelencias, eminencias,
cabaleiros cubertos, descubertos,
nada serán meu ben, si a bomba ven,
nada o amor, e nada a morte morta
con bendiciós e plenas indulxencias.

¡Qué ben, que a bomba ven! Nun instantiño
amable primavera faise cinza
de vagos isotopos placentarios,
de letales surrisas derretidas
baixo un arco de átomos triunfaes.

A bomba, ¡bong! a bomba co seu bombo
de setas e volutas abombadas,
axiña ven, vela ahí ven, bon amigo.

¡Estános ben! ¡Está ben! ¡Está bon!

¡¡¡Booong!!!”
Celso Emilio Ferreiro, O Soño Sulagado
“Un rato é unha cousa que se move,
unha cousa que vive nos sobrados
e ten un corazón pequerrechiño
e dous ollos de vidro sempre acesos.
Unha cousa que vai furando as tebras,
xurde correndo, pasa, fuxe, líscase.
Un rato é unha cousa que está viva
un intre só, despois non é nada,
sombra nas sombras mestas dos buratos.
A noite é un burato sen orelas
pra os homes, tristes ratos sin acougo.
Un home é unha cousa que cavila,
cismando sempre, sempre amargurado,
fuxindo de outras cousas que rebulen,
revolvendo papeis,
decote rebulindo,
sempre con presas, atafegado sempre,
camiña, chouta, avanta nos buratos,
nos sobrados do mundo,
nas estradas da vida,
nas pedras,
no vento,
nas rúas,
nos seos das mulleres.
Un rato é unha cousa que se move.
Escóitame Walt Disney ¿Onde estabas
que os meus soños de pombas non te viron
cando o meu corazón inda era neno
e había carabeles nos meus ollos?”
Celso Emilio Ferreiro, O Soño Sulagado
“Eu dareiche delor, co tempo, a vida,
porque me agardan lonxe, xa me espera
un camiño sin luz, unha tristura
que xa me está medrando, xa me medra
coma unha frol de outono nun carreiro.
Eu dareiche delor, dareiche acedas
bágoas con albor de noites fuxidías,
pois sinto no meu dentro a dura pedra
que pra durmir pon Dios alá no fondo
de tódalas segredas
ondas do mar, que non serán palabras,
nin xiquera son ar, nin voz xiquera.
Eu dareiche delor, co tempo a tempo,
delor sin ti, sin min, sin a sinxela
cantiga de esta vida que me morre,
que me moe, moendo á miña veira;
moéndome amodiño vou morrendo,
como o mar moe ó mar, unha mar chea,
que morre cada día dende sempre
(eu dareiche delor) a mar inmensa.”
Celso Emilio Ferreiro, O Soño Sulagado
“Aquil que fun non son, por iso estamos
xuntos os dous. Aquil que entonces era
como un río fuxiu, pero quedouse
coma o río que pasa e sempre queda.”
Celso Emilio Ferreiro, O Soño Sulagado