Mandáronme ler este libro no instituto e comeceino daquela mais non o rematara. Rexeiteino por iso de que era unha lectura obrigatoria e amais porque eu era moi listo e o libro parecíame moi fraco.
Retomeino vinte pico anos despois na edición dos 120 da Voz de Galicia porque o expurgaron da biblioteca e dame mágoa ver como tiran cos libros.
É un bo libro, de estilo sinxelo mais coa fondura de quen ten vivido cos ollos abertos. Paradoxalmente, o público adolescente ó que se supón que vai dirixido, non se sentirá moi seducido ou non o entenderá, como eu non o entendín no seu momento.
Ten algunha pasaxe na que, sen abandonar a sinxeleza, acada momento sublimes, como cando describe unha primeira borracheira (p.44). Tamén hai un par de verdades desas que lles chaman inmutables nas que se sosteñen as páxinas desta noveliña: "Ós lugares pódese volta-las máis das veces e ás experiencias, que non se repiten, imos unha e outra vez co pensamento." Ou: "O mellor de cada situación é o que pode ter de sorpresa, a inocencia con que a aceptamos."
Foi moi pracenteiro ler esta narración tan sinxela e libre de vaidades.