Outra obra que calquera persoa de calquera filoloxía debería ler (e aínda calquera persoa de hogano que queira entende-la arte con xeito).
Necesitaba volver ler esta monografía, que no seu momento lin case sen experiencia e nun estado psíquico cuestionable. Agora, que teño unha formación filolóxica moito máis sólida, estou en disposición de avaliar ben a contribución de Genette. Con todo, recoñezo que algúns exemplos resístenseme. Non sei o suficiente de literatura francesa como pra poder recibilos coa claridade coa que recibo referencias ó Quijote, o Lazarillo, a Ilíada e a Odisea (cuxo protagonista Genette insiste en chamar Ulises; vicio do que é plenamente consciente pero que a estas alturas deberíamos desterrar do discurso teórico-crítico se non estamos a falar das versións romanas).
A monografía en si era algo moi necesario, unha aportación moi importante que lle pon nome a algo moi común e moi necesitado de estudo, coa xenialidade teórico-crítica coa que se manexaba Genette. Son quen de aceptar algunhas das propostas máis atrevidas, pero hai algunha outra que me escama e me parece extrema-lo argumento até puntos que, ben mirados, poden desvirtua-lo concepto de metalepse. Refírome, sobre todo, ás seccións dedicadas á evidentia (que Genette denomina hipotipose, co termo grego). Irónico, tendo en conta que este é un dos perigos que el mesmo advirte ó comeza-lo texto. Aínda que estou en desacordo con algunhas das súas posturas, creo que tamén hai cousas verdadeiramente proveitosas nos tramos da hipotipose.
Aínda que non son onomaturxia deste libro, si que creo que é preciso ter coidado coas ideas de relato factual e ficcional; pra Genette isto non sería tan problemático, pero pra a maior parte do gremio académico pode ser fatalmente anacrónico, como outros conceptos estruturalistas tan perigosos como o de catálise.
Non poido non mencionar, porén, o molestas que resultan as referencias a Woody Allen, pero descoñezo se se coñecían os seus crimes no momento de publicación desta monografía.
Vista dende hoxe, 21 anos despois, algúns exemplos poden parecer demasiado evidentes ou reiterativos, pero iso é mostra calidade da tese do autor.
Pra rematar, véxome na necesidade de apuntar algo que o mesmo Genette recoñece. Máis ca unha análise compacta e organizada como Cicerón manda, atopamos un conxunto un chisco caótico de notas apresuradas (e moi meditadas, iso si que se aprecia). E a isto non axuda a sobriedade onomatúrxica de Genette, que polo xeral destaca neste ámbito. Poucos termos se acuñan aquí: metalepse (figural e ficcional), metalepse autorial, metalepse lectorial (suxestionada meramente), metaleptóxeno e antimetalepse. Coido que eses termos (co efecto de presencia; quedo pendente de ler a Barthes e o seu efecto de realidade, que sen dúbida me será de utilidade pra aborda-la novela realista do XIX) son os únicos instaurados. Son uns cantos, si, pero nada en comparación coa plétora copiosa de modalidades que se nos presentan, algunhas das cales de boa gana aceptaban un nome específico pra podermos ponderar debidamente o seu funcionamento.