As palabras que move o mar son catro relatos longos que teñen como fío conductor a memoria e a construción da identidade alicerzada neses recordos que permanecen imborrables na nosa vida ao longo dos anos. Por que determinadas impresións da natureza emocional, visual, olfactiva, táctil nos acompañan nesta viaxe de asombro e dúbidas que é a vida durante toda a travesía? Un sinal, un nome nun papel, un arrecendo que fotografa un lugar na retina da memoria. O destino é ser devorados por ese vendaval que é o paso do tempo, As palabras que move o mar é un dique contra o que bate a marusía gris e invernal do esquecemento.
"As palabras que move o mar" consta de catro relatos longos capaces de transportar ao lector ao pasado creando unha sensación capaz de facernos crer que o que estamos a ler é real. En cada un deles os personaxes viven unhas circunstancias moi difíciles en plena época de Transición que, ao mellor, teñen a súa unión e sentido ao final do libro.
Quedei marabillada con este libro: superou con creces todas as miñas expectativas. Aquí os meus motivos:
-Estilo: Pese a que cada relato é distinto do anterior, o estilo de Xaime Toxo persiste en toda a obra. Sendo esto algo moi dificultoso, hai que admirar a grande calidade literaria que nos ofrece con esta obra narrativa.
-Primeira obra: Pescudando atopei suficiente información para verificar que esta é a primeria obra de carácter narrativo de Xaime Toxo. Polo xeral as primeiras obras soen conter bastantes erros evitables pero, debo recoñecer que esta é unha das poucas excepcións que atopei na miña curta vida como lectora. Non puiden atopar nin un só erro para por en evidencia nesta recensión. Paréceme incrible.
-Relatos sen rematar: Tendo en conta que falamos dun libro de catro relatos longos de tan só 181 páxinas é lóxico pensar que os relatos (ou, polo menos, a inmensa maioría) estean sen acabar. Para min foi un punto totalmente a favor. A maxia de non saber cómo terminan eses relatos percorre o teu corpo durante toda a novela e déixate, ao final, cunha sensación semellante á de querer saír a vivir a maior aventura posible. Si, esa sensación de calidez e nostalxia que moi poucos escritores son capaces de crear.
Recomendo este libro a adultos novos e, por riba de todo, aos adultos que viviron aquela estraña época de Transición Española dende Galicia.