As vicisitudes diarias dunha visita a Alemaña en 1930. As convulsións sociais dunha Europa en crise vistas a través da intelixencia dun home de pensamento orixinal e independente.
Un dos libros máis vivos e suxestivos de Vicente Risco, un diario no que o teórico do nacionalismo galego nos vai dando, ademais do relato dos sucesos que viviu, as impresións que estes causan e as moitas e orixinais ideas que lle suxiren. Escrito nunha prosa dunha enxebreza sintáctica dificilmente igualable, contén ademais toda a orixinalidade, a independencia e a agudeza características do pensamento do escritor ourensán.
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 1 de outubro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX, membro da xeración Nós e considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.
Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega. Home procedente dunha familia acomodada, dun gran nivel cultural, contribuíu na literatura galega asentando as bases do nacionalismo galego e renovando a narrativa galega do primeiro terzo do século XX.
Mitteleuropa é a obra da que pouco ou nada se fala, pois Risco vai deixando ver - especialmente contra a fin do libro - un aquel nacionalsocialista, antimarxista, e antisemita. Non obstante, é interesante ver a súa opinión da Europa Moderna (post-IWW, pre-IIWW) como católico e conservador convencido.
A parte da súa simpatía polos reximenes autoritarios da época, tamén é moi crítico co imperialismo, co maquinismo, e con prácticamente todo o que non sexa o de sempre. E incluso o de sempre... Deixa que desexar.
En fin, unha obra de viaxes un pouco espesa de ler cara a metade do libro e que finalmente, cando pon as cartas sobre a mesa, é cando menos interesante e está moi ben escrita. A riqueza léxica de Risco é innegable, o vivir anclado nun tempo moi lonxano, tradicional, e católico, tampouco é discutible.
Íalle dar dúas estrelas, vanlle tres ó final por seren de Ourense.