Noelia está presa no módulo de respecto cando na cela contigua sucede algo grave. Ela, que é cirurxiá, séntese obrigada a intervir. Logo, da dirección da prisión solicítanlle que vixíe e informe sobre a súa nova compañeira de cela, Fina, unha vella que semellaba dócil pero coa que terá que manter un pulso complicado. O ceo das reixas, de Eli Ríos, recrea o ambiente carcerario a partir de protagonistas femininas e fainos descubrir que a liberdade non sempre depende do número de barrotes que teña unha reixa. Esta novela fala da invisibilización, dos silencios, da violencia e da linguaxe que constrúen cadeas imperceptibles arredor das mulleres.
Elisabet Ríos Liste, coñecida como Eli Ríos, nada en Londres en 1976, é unha escritora galega.
Trasladouse con poucos anos ás terras de Ordes e, despois dun periplo por diversos territorios da lusofonía (Porto, Lisboa, Azores, Cabo Verde), instalouse en 2003 ao pé do Castro de Elviña. Actualmente, desenvolve a súa actividade desde Cambre, A Coruña.
Colabora en diversas obras colectivas, realiza obradoiros de escrita, contacontos infantís e forma parte da revista dixital de crítica literaria A Sega. En 2018 colaborou na revista Ligeia.
O ceo das reixas recrea o ambiente carcerario a partir de dúas mulleres afastadas pola idade e pola formación, pero achegadas en canto aos seus sentimentos nese espazo que as despersonaliza. Elas tamén son vítimas dun sistema que non só non vela pola inserción das persoas na sociedade, senón que penaliza aínda máis ás mulleres, que sofren nos cárceres unha dupla marxinalidade: por seres mulleres e por cometeren un delito.
Dende unha linguaxe misteriosa, Eli Ríos lévanos, coma xa acontecera en DX, a un desenlace inagardado, e afastado dos tópicos habituais. A partir de aquí, poderemos reflexionar sobre a violencia e a dualidade entre linguaxe e ese momento no que quedar sen voz.